A UNED incentiva o voluntariado e o turismo responsable cun evento gratuíto

Pontevedra
02 de febreiro 2026
Actualizado: 13:56

Esta actividade levarase a cabo na aula Universitaria de Ponteareas o vindeiro xoves 5 de febreiro. Nela participarán profesionais que compartirán a súa experiencia

A UNED ofrece outra visión para viaxar, máis solidaria, turística e responsable UNED

Este xoves 5 de febreiro UNED Pontevedra celebrará o evento de Extensión Universitaria "Voluntariado e turismo responsable. Viaxes que transforman vidas", na súa Aula Universitaria de Ponteareas. Con el preténdese impulsar o compromiso cos habitantes doutras comunidades, promovendo valores éticos e solidarios como necesarios para unha transformación social.

A actividade terá lugar entre as 18:30 e 20:30. Será gratuíta e de modalidade híbrida, poderase acudir presencialmente ou en liña, seguíndoa tanto en directo como en diferido, permitindo así unha ampla variedade de asistentes. Para participar, é necesario inscribirse con anterioridade.

A UNED organiza este acto dirixido polo subdirector do centro, Alfonso Vázquez Reboredo, e coordinado polo responsable da Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo Pazos.

Nel intervirán algunhas personalidades con experiencia sobre o tema, entre elas Belén Álvarez Silva, cooperante e voluntaria comunitaria; Lorena García Gilpérez e Sonia Roca Juan, creadoras de AfricSoul, e Mónica Herreras Martínez, fundadora de Viaxes Tumaini.

Estas voces contarán as súas vivencias en voluntariados e turismo consciente en numerosos países, combinadas con testemuños doutras persoas que experimentaron viaxando desta forma e comparten unha reflexión sobre o impacto que tivo nelas.

A exposición das viaxes solidarias realizados por voluntarios que colaboran dará paso a roldas de preguntas e diálogo aberto para os presentes que finalizará cunha explicación do desenvolvemento destas prácticas.

A pretensión da xornada é motivar á sociedade a realizar este tipo de viaxes mostrando diferentes formas de colaboración nestes proxectos de solidariedade con outras culturas.

Ademais, explicaranse estes modelos de turismo e voluntariado, así como o funcionamento das experiencias e, fundamentalmente, destacar a relevancia e influencia destas actividades para lograr un cambio social, non só para nós senón tamén para aquelas comunidades visitadas.

O público obxectivo serán principalmente estudantes universitarios; profesionais e axentes sociais; persoas que traballan dentro do sector do turismo, da educación, a cooperación ou o desenvolvemento comunitario, pero tamén está dirixido a calquera persoa interesada en experimentar con estas alternativas de viaxes.