Un curso da UNED aborda como a emigración marcou Galicia no século XX

Pontevedra
27 de xaneiro 2026

A UNED Pontevedra ofrece un curso sobre a emigración galega (1945-1975), analizando o seu impacto social, económico e cultural dentro de España e Europa, dirixido a público xeral e estudantes

Escultura do emigrante, en Vigo
Escultura do emigrante, en Vigo / Juan Mejuto

O Centro Asociado da UNED en Pontevedra organiza o curso "A emigración galega ao interior peninsular e a Europa (1945-1975). Da autarquía ao plan de estabilización".

A actividade ofrece unha ollada ao miúdo sobre un dos fenómenos sociais que máis marcaron a historia recente de Galicia e España.

As clases desenvolveranse do 27 de xaneiro ao 21 de abril, de 18:00 a 20:00 horas, en modalidade híbrida, isto é, os participantes poderán asistir presencialmente, seguir as sesións en directo online ou acceder ás gravacións posteriormente.

A formación está aberta a todo público, estudantes, docentes e persoas interesadas na historia social e os procesos migratorios.

O curso, coordinado por Rafael Cotelo Pazos e dirixido por José María Leal Bóveda, doutor en Xeografía e Historia, abordará desde a emigración interior na posguerra até o éxodo cara a Europa occidental, pasando polo impacto do Plan de Estabilización de 1959 e o papel do réxime franquista na mobilidade laboral.

Tamén se analizarán as condicións de vida dos emigrantes, a función dos centros galegos no exterior e o fenómeno do retorno.

As inscricións xa están abertas, cun custo de 45 euros, e pódense realizar a través das canles habituais da UNED.

Ademais, o programa inclúe unha saída didáctica aínda por confirmar, que promete complementar a experiencia académica cun toque práctico.