A UNED de Pontevedra anunciou o lanzamento dun Curso de Instrutor de Mindfulness, unha formación especializada que se impartirá en modalidade online entre o 6 de setembro de 2025 e o 10 de xaneiro de 2026.
O programa está deseñado para ofrecer unha preparación integral no ensino e implementación de programas baseados en atención plena (mindfulness), tanto en contextos profesionais como persoais.
O curso estará dirixido por Eva Gómez González, enfermeira, máster e experta en mindfulness, trauma e apego, e instrutora acreditada do programa MBSR (Mindfulness-Based Stress Reduction) pola Universidade de Massachusetts e a Universidade de Brown. A coordinación académica corre a cargo de Rafael Cotelo Pazos, responsable do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais do centro.
O equipo docente complétase con Diana Prieto Rodríguez, licenciada en Psicoloxía, máster en Neuromanagement e tamén instrutora certificada en MBSR polas mesmas universidades estadounidenses.
A proposta académica combina teoría, práctica persoal e adestramento supervisado, co obxectivo de capacitar aos participantes segundo os criterios internacionais MBI:TAC (Mindfulness-Based Interventions: Teaching Assessment Criteria), desenvolvidos polas universidades de Oxford, Bangor e Exeter.
O programa inclúe 24 clases gravadas con contidos teóricos e prácticos, 34 sesións en directo por Zoom (incluíndo a xornada inaugural), 28 sesións de práctica e supervisión –individuais e grupales–, dúas xornadas de práctica intensiva e un retiro online de tres días. O seguimento do alumnado realizarase a través de correo electrónico e videoconferencias.
A avaliación será continua e requirirá unha asistencia mínima do 75% ás sesións en directo, participación activa, entrega dunha memoria de prácticas e a superación dun practicum. Este último inclúe a guía de prácticas ante o grupo e o deseño dun programa de mindfulness de carácter grupal.
O curso está dirixido a unha ampla variedade de profesionais: persoal sanitario, psicólogos, docentes, traballadores e educadores sociais, especialistas en recursos humanos, coaches, artistas e profesionais do desenvolvemento persoal. Tamén poderán inscribirse persoas interesadas en profundar na súa práctica individual, sempre que acrediten polo menos seis meses de experiencia previa en mindfulness.
A formación desenvolverase integramente online, cun formato flexible que permite o acceso desde calquera localización. Aínda que é posible matricularse unha vez iniciado o curso, será responsabilidade do alumnado cumprir cos requisitos de asistencia e participación para obter a certificación final.