Unha afectación por fungos obriga a tallar gran parte das ramas do cedro do Paseo das Palmeiras

Pontevedra
09 de agosto 2022

O servizo de mantemento de parques e xardíns do Concello de Pontevedra leva a cabo traballos de posta a punto da zona para lograr a mellor calidade e condicións de seguridade en todo o arboredo e parques da cidade.

Cedro afectado polos fungos
Cedro afectado polos fungos / PontevedraViva

O servizo municipal de parques e xardíns iniciou este martes os traballos de poda e seguridade no arborado histórico dos xardíns de Vincenti. Os traballos centraranse inicialmente nun dos cedros senlleiros, cedro do Himalaia (Cedrus deodadra) próximo ao paseo de Cervantes.

Este exemplar que quedara notablemente afectado na súa estrutura polo temporal Flora en xaneiro de 2017, era obxecto de especial vixilancia por parte do Servizo de Parques e xardíns.

Durante os últimos dous anos, foron aparecendo progresivamente evidencias de afectación por axentes fúnxicos, en particular Armillaria sp que a pesar de diversas actuacións e dada a debilidade do exemplar que perdeu  sobre un 50 % da súa copa en 2017, continuaron provocando a seca progresiva dunha parte importante das pólas que se conservaban. 

Segundo as observacións e análises do Servizo de Parques, semella que máis alá da afectación concreta do exemplar, apréciase que o contexto de quecemento das temperaturas nos últimos anos están afectando de xeito especial ao arboredo máis sensible, de maior idade e ou debilidade.

A actuación contempla a retirada das ramas mortas polo que a estrutura da árbore quedará comprometida. Aínda así, conservarase a estrutura do tronco coa previsión da posibilidade de crear unha escultura de madeira acorde coa estética e características dos xardíns de Vincenti.