Unha ambulancia do 061, con base en Bueu, chocou contra un coche cando trasladaba a un hospital de Pontevedra a unha paciente de 92 anos, acompañada pola súa filla.
Segundo informou o 112, o accidente sucedeu ás 19.45 horas deste sábado na estrada PO-551 na parroquia marinense de Ardán.
O sinistro tivo lugar nun tramo recto. O vehículo sanitario chocou con outro alcanzando a un terceiro turismo que estaba estacionado no aparcadoiro do restaurante O Mesón do Arrieiro.
O condutor da ambulancia foi o único lesionado como consecuencia do golpe, sendo evacuado polo 061 xunto coa paciente que estaba a ser trasladada.
O persoal do 112 Galicia alertou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Morrazo. Os feitos tamén se puxeron en coñecemento da Policía Local, de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.