Unha animada Feira de Cuspedriños leva a Cotobade de novo aos anos 50

Cerdedo Cotobade
04 de xuño 2017

Os anos 50 e as esplendorosas feiras que se celebraban nesa época en Cotobade volveron, por un día, a amenizar a vida deste municipio. Unhas 4.000 persoas acudiron este domingo á undécima edición da Feira de Cuspedriños, un evento que serve para rememorar os potentes mercados que organizaban a mediados do século pasado

Feira de Cuspedriños 2017 Diego Torrado

Os anos 50 e as esplendorosas feiras que se celebraban nesa época en Cotobade volveron, por un día, a amenizar a vida deste municipio.

Unhas 4.000 persoas acudiron este domingo á undécima edición da Feira de Cuspedriños, un evento que serve para rememorar os potentes mercados que organizaban a mediados do século pasado.

A feira, que xa está complemente consolidada no calendario festivo pontevedrés, contou con máis de setenta postos repartidos polos pendellos, o antigo mercado, a carballeira e a contorna da capela da Virxe do Carmen.

Numerosas persoas participaron, vestidas de época, na recreación deste antigo mercado que contou ademais cunha ampla programación de actividades.

Xunto cos postos de artesanía ou alimentación, organizáronse actividades infantís, unha exposición de vehículos antigos, unha pasarela de traxes tradicionais galegos ou diferentes espectáculos teatrais e musicais.

A xornada contou con animación durante todo o día da man dos grupos Os Trazantes de Tenorio, Os de Ningures e Os Afoutes.