Unha "arrepentida" Rocío Gondar reitera que non matou a Secundino soa: "Albertina estuvo pegada a mí en todo momento"

Pontevedra
01 de abril 2016

Nin a Fiscalía nin, sobre todo, a acusación particular parecen dispostas a dar un chisco de respiro a ningunha das dúas acusadas, ao estar convencidas ambas as partes de que as dúas mulleres "se pusieron de acuerdo" non só para matar a Secundino senón tamén para planificar o crime previamente

Rocío Gondar., unha das dúas acusadas do crimen de Chancelas
Rocío Gondar., unha das dúas acusadas do crimen de Chancelas / Mónica Patxot

A pesar de que "no sirve de nada", Rocío Gondar pediu perdón á familia de Secundino Prego por matalo. "Estoy muy arrepentida de lo que hice", sinalou tras exercer o seu dereito de dirixir unhas palabras ao xurado popular ao remate da vista oral do xuízo polo crime de Chancelas. Pero reiterou que non o fixo soa e que a outra acusada, Albertina Táboas, "estuvo pegada a mí en todo momento".

Con esta última afirmación, a moza trataba de desacreditar a tese do avogado de Albertina que, tras soster inicialmente a súa inocencia, recoñeceu agora que é autora dun delito de encubrimento -penado con tres anos de prisión-, ao demostrarse, principalmente a través das chamadas ao 112 e á Garda Civil que "ayudó a la responsable del crimen a eludir su responsabilidad fingiendo un robo", como apuntou o mesmo letrado.

Para Rocío son "excusas", algo que asegurou que "me fastidia" porque sinala á outra acusada como a autora intelectual do crime e a que lle induciu a matar a Secundino. "Se crea o no que pasé miedo, lo pasé", engadiu a moza.

Para ela, o avogado Juan Carlos Janeiro pediu ao xurado popular -que non se reunirá ata o luns para deliberar- un veredicto de inocencia ao entender que a súa cliente é "inimputable" ao concorrer neste caso a eximente de actuar ante un "miedo insuperable" e en plena alteración mental como acreditan os seus informes psiquiátricos.

Se non acepta esa eximente, a defensa da moza pide que se considere o seu trastorno de personalidade como unha atenuante "moi cualificada", ao que suma tamén a atenuante de confesar o crime, tanto ante a policía como na vista oral, e colaborar coa xustiza para esclarecer o caso.

Pero nin a Fiscalía nin, sobre todo, a acusación particular parecen dispostas a dar un chisco de respiro a ningunha das dúas acusadas, ao estar convencidas ambas as partes de que as dúas mulleres "se pusieron de acuerdo" non só para matar a Secundino ás portas do seu domicilio de Chancelas aquel 2 de febreiro de 2014, senón tamén para planificar o crime previamente.

Así, o avogado que exerce a acusación particular en nome dos fillos da vítima elevou a 25 anos a súa petición de cárcere para as dúas acusadas. Entende que durante o xuízo a súa culpabilidade quedou demostrada de forma "clara y rotunda", en vista dos testemuños, as probas e os informes forenses que se achegaron durante estes cinco días de xuízo.

Ambas serían culpables, sinalou nas súas conclusións, dun delito de asasinato sobre o que concorren ademais as agravantes de aleivosía, asañamento e recompensa, esta última ao entender que o móbil do crime foi económico.

Para el, Albertina é unha "gran actriz" e unha muller "codiciosa" ao urdir o asasinato para facerse co diñeiro e os bens recollidos na herdanza, mentres que Rocío "no mató por miedo", como declarou ante o tribunal, senón ante a oferta de 5.000 euros recibida pola súa axuda para matar o ancián, diñeiro ofrecido por unha muller que, segundo o letrado, "es igual de autora que Rocío" ao ser a responsable de "dirigir" o crime.

Ademais, pide ao tribunal que se declare a nulidade da cláusula do testamento da vítima pola que Albertina Táboas convertíase na súa herdeira universal e que ambas as acusadas indemnicen aos fillos de Secundino con 300.000 euros.

A Fiscalía, pola súa banda, rebaixa esa contía aos 50.000 euros, e mantivo a petición de 20 anos de prisión por un delito de asasinato, ao entender que as dúas mulleres que sentaron no banco de acusados da Audiencia actuaron "por sorpresa y a traición", aproveitándose da "confianza" que a vítima depositara nelas e provocando que Secundino "no pudiese defenderse en absoluto".