O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Poio fixo público este luns o último informe correspondente ao mes de xuño da empresa Into Consulting encargada do seguimento do servizo de recollida de lixo de Poio que presta Valoriza, así como aos compromisos adquiridos pola mercantil adxudicataria na súa oferta.
Para o PP son unhas conclusións "demoledoras" que, segundo os populares, demostran "que o tempo, ao final veu darnos a razón" posto que a consultora advirte de "numerosas deficiencias e irregularidades".
O informe destaca a non recollida de vidro e cartón (das 8 comprometidas non se fixo ningunha), a falta de lavado dos contedores o mes de xuño, carencias de persoal e outros incumprimentos no servizo.
O documento advirte que, catro anos despois da adxudicación do contrato, quedan investimentos pendentes por valor de 150.000 euros, como a instalación do Punto Limpo e servizos comprometidos e non prestados por unha cuantía de 50.000 euros cada ano e resalta que "debe procederse á implantación inmediata de todo o que comprometeu na súa oferta".
Dende o Partido Popular lembran que a veciñanza de Poio paga "o recibo de lixo máis caro da provincia" por, unha recollida dun só día á semana, en moitos casos, e un servizo "cheo de irregularidades de todo tipo" e esixe "explicacións inmediatas" ao Goberno local.