Unha balea e dous golfiños mortos aparecen nas praias da Lanzada e Bascuas

Sanxenxo
10 de xaneiro 2023

Os tres exemplares atopáronse en avanzado estado de descomposición e crese que acabaron nestes areais tras falecer en alta mar e ser arrastrados polos temporais dos últimos días

Corpo dun golfiño atopado na praia de Bascuas
Corpo dun golfiño atopado na praia de Bascuas / Concello de Sanxenxo

Non é estraño que de cando en vez aparezan nas praias da ría de Pontevedra exemplares de diferentes especies de mamíferos mariños mortos. Pero o novo ano comezou cun aluvión deste tipo de sucesos, coa presenza nas praias máis exteriores do municipio de Sanxenxo de dous golfiños e unha balea sen vida.

O último avistamento tivo lugar este luns na praia de Bascuas. Alí apareceu o corpo dun golfiño. Pero non foi o único exemplar, á area da Lanzada chegaron tamén sen vida a pasada fin de semana unha balea e outro golfiño.

As principais hipóteses sitúan aos temporais e o mar de fondo dos últimos días como os responsables de conducir os restos destes animais ata as praias. Uns casos bastante comúns pero que sempre xeran curiosidade entre as persoas que llos atopan mentres dan un paseo.

Todos eles acabaron varados nos areais xa sen vida e co corpo en avanzado estado de descomposición. Agora son os técnicos de medio ambiente, científicos e traballadores de Emerxencias os encargados de coordinar a retirada destes animais.

Desde o Concello de Sanxenxo, confirman que a retirada dos golfiños atópase xa en marcha e completarase nas próximas horas, mentres que no caso da balea tocará esperar algún tempo máis porque o operativo para levantar o animal é máis complexo.