Unha chiscadela á comida brasileira, gañadora do certame Caldelas Tapas Quentes

Ponte Caldelas
12 de xaneiro 2017

O Escondidiño de puré de iuca da tapería Klimbin namorou, gastronomicamente falando, aos membros do xurado do certame Caldelas Tapas Quentes. Tanto que esta proposta foi elixida como a mellor das doce presentadas a este evento, celebrado en Ponte Caldelas en decembro

Entrega do diploma á gañadora do Caldelas Tapas Quentes
Entrega do diploma á gañadora do Caldelas Tapas Quentes / Concello de Ponte Caldelas

O Escondidiño de puré de iuca da tapería Klimbin namorou, gastronomicamente falando, aos membros do xurado do certame Caldelas Tapas Quentes. Tanto que esta proposta foi elixida como a mellor das doce presentadas a este evento, celebrado en Ponte Caldelas en decembro.

O alcalde, Andrés Díaz, abriu o sobre lacrado que contiña a decisión do xurado nunha xuntanza que contou coa presencia dos hostaleiros participantes.

Recolleu o premio María Isabel Martínez como responsable do Klimbin, quen agradeceu expresamente o traballo da súa cociñeira Claudia Martínez.

"Esta é unha aposta que facemos por apoiar á nosa hostalería e estamos moi satisfeitos dos resultados", explicou o alcalde aos hostaleiros.

O Concello xa leva celebrando dúas edicións do Caldelas Tapas durante o mes de xullo, pero este ano decidiu, ademais, experimentar cun formato parecido para o mes de decembro.

As cifras finais demostran que ao remate do Caldelas Tapas Quentes despacháronse en torno a 4.000 racións durante as cinco noites de venres, cunha especial afluencia de público na primeira e na última das xornadas.

O certame volveu supoñer, deste xeito, unha importante dinamización para a hostalería local. 

Neste edición tomaron parte a churrasquería A Fonte, O Recanto, Klimbin, Acuña, Pecas, bar Parada, cervexaría Alameda, Alalá, Verdugolandia, Aries, bar Puente e restaurante 501.