Unha concorrida manifestación esixe ao goberno local a reapertura ao tráfico de Raíña Vitoria

Pontevedra
27 de novembro 2021

O manifesto lido nesta mobilización dicía: "O político que non estea en disposición de dialogar e de escoitar aos seus cidadáns, que deixe o seu sitio, que se vaia, a súa presenza non ten cabida nunha cidade tolerante e respectuosa como Pontevedra. Non máis mentiras, non máis arbitrariedade. Abran ao tráfico e urbanicen debidamente a Avenida de Raíña Vitoria" 

Unha concorrida manifestación esixe ao Goberno local a reapertura ao tráfico de Raíña Vitoria / PontevedraViva

"O político que non estea en disposición de dialogar e de escoitar aos seus cidadáns, que deixe o seu sitio, que se vaia, a súa presenza non ten cabida nunha cidade tolerante e respectuosa como Pontevedra. Non máis mentiras, non máis arbitrariedade. Abran ao tráfico e urbanicen debidamente a Avenida de Raíña Vitoria". 

A recentemente creada unión de asociacións Por Pontevedra lía este manifesto este venres fronte á casa do concello nunha concorrida manifestación contra o peche ao tráfico da rúa Reina Vitoria, na que tamén se reclamou ao goberno local "máis diálogo e menos imposición".

"Hoxe Pontevedra alza a súa voz contra a arbitrariedade, contra a terquedade e contra a mentira", aseguraron.

Entre os centos de veciños que participaron neste acto de protesta tamén se atopaban os portavoces do Partido Popular en Pontevedra e en Poio, Rafael Domínguez e Ángel Moldes.

No manifesto lido na Praza de España precisábase que esta mobilización non era "un modelo de cidade, nin un partido político, nin unha ideoloxía", senón por "un acto arbitrario, non avalado por estudo previo algún, caprichoso e claramente incómodo e antieconómico para boa parte dos veciños e comerciantes da nosa cidade, e se me apuran altamente contaminante, por canto multiplica, de forma absurda, os atascos e os percorridos de miles de vehículos a diario por Pontevedra".

Cualificaron a decisión do Concello de pechar ao tráfico Reina Vitoria como "un abuso de autoridade e un exercicio antisocial e nada democrático do seu papel como representantes dos cidadáns" e lamentaron que o goberno local evita o diálogo, "e cando evitas o diálogo e a participación, perdes a razón e perdes o apoio dos cidadán".

Desde a Unión de Asociacións Por Pontevedra apuntaron que convocarán máis mobilizacións.