Unha condutora quintuplica a taxa de alcohol tras causar danos nunha árbore e en dous turismos estacionados

Pontevedra
21 de novembro 2023

A condutora de 58 anos retirou na tarde deste martes o coche do aparcamento na rúa Urbano Lugrís e foi conducindo impactando contra dous vehículos estacionados e tamén contra unha árbore, segundo a información facilitada pola Policía Local. Foi localizada polos axentes en Salcedo ofrecendo unha taxa positiva en alcohol de 1,30 mg/l.

Axentes da Policía Local e o vehículo da condutora que quintuplicou a taxa de alcohol Concello de Pontevedra

Unha condutora de 58 anos foi localizada por axentes da Policía Local en Carramal, lugar da parroquia pontevedresa de Salcedo, despois de protagonizar varios incidentes durante a tarde deste martes 21.

A muller, segundo relata a Policía Local, retiraba o seu coche do estacionamento situado na rúa Urbano Lugrís. Unha vez ao volante, impactou contra dous vehículos estacionados e tamén contra unha árbore da contorna.

Segundo a policía, a condutora continuou a marcha por Alfonxo X cara á rúa María Victoria Moreno. Unha persoa tentou detela ao observar a súa condución pero a automobilista mantivo a marcha en dirección a Figueirido.

Os axentes, grazas á colaboración de varias testemuñas, lograban localizala en Salcedo e alí era sometida a unha proba de alcoholemia que ofrecía unha taxa positiva en alcohol de 1,30 mg/l., superando en máis de cinco veces o límite establecido pola lei que se sitúa en 0,25 mg/l en aire expirado.