Unha cuadrilla de "reiseiros" ambienta Pontevedra

Pontevedra
05 de xaneiro 2023

A agrupación Os Chichisos, acompañada por escolares, interpretaba este mércores 4 os tradicionais Cantos de Reis polas rúas da cidade recuperando un costume popular

A cuadrilla de voces e instrumentistas dos Chichisos interpretando Cantos de Reis
A cuadrilla de voces e instrumentistas dos Chichisos interpretando Cantos de Reis / PontevedraViva

Voces infantís percorrían durante a tarde deste mércores 4 as rúas do centro de Pontevedra, acompañadas pola música interpretada pola agrupación Os Chichisos.

A cuadrilla artística ofrecía os tradicionais Cantos de Reis, propias das festas do Nadal en Galicia. Os denominados "reiseiros" ofrecen cancións con temática relacionada coa visita e adoración dos Reis Magos ao neno Xesús ou a escapada da Sacra Familia a Exipto; a viaxe de María e José desde Nazaret a Belén, entre outras escenas bíblicas.

Trátase de melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar con adornos inducidos polo son da gaita. As interpretacións vocais son guturales, pisando os finais das estrofas cos inicios. Estes elementos parecen derivarse, segundo Vos Chichisos, de cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI, que se foron adaptando de maneira popular.

Durante as últimas semanas, os escolares ensaiaron en Vilaboa estas pezas e, entre as novidades, este ano ofreceron unha cantiga recollida ao antigo párroco de Cornazo, en Vilagarcía de Arousa. Con esta actividade, a agrupación de música tradicional quere recuperar un costume do patrimonio cultural galego e, ao mesmo tempo, animar á cidadanía.

Desde as 17.30 ata as 20.00 horas ofreceron o seu particular recital pola Praza da Liberdade, Praza de San Xosé, Rúa da Oliva, Daniel da Sota, Peregrina, Ferrería e Curros Enríquez. Esta actividade inclúese no Programa de Nadal do Concello de Pontevedra.