Unha curta animada do CEIP Xunqueira 2, premiada nun concurso galego

Pontevedra
10 de xuño 2018

Pequenos grandes xenios no mundo da animación. Así son os alumnos de cuarto de primaria do CEIP Xunqueira 2 de Pontevedra, que acaban de gañar un premio por unha curtametraxe presentada a un concurso de ámbito autonómico

Escena da curtametraxe "A mellor sopa do mundo" CEIP Xunqueira 2

Pequenos grandes xenios no mundo da animación. Así son os alumnos de cuarto de primaria do CEIP Xunqueira 2 de Pontevedra, que acaban de gañar un premio por unha curtametraxe presentada a un concurso de ámbito autonómico.

Trátase de A mellor sopa do mundo, unha peza audiovisual animada que, a través do técnica stop- motion, adapta un conto da editorial Pontevedra OQO, creado por Susanna Isern e Mar Ferrero.

Este traballo, no que tamén colaboraron nenos e nenas de segundo e terceiro de primaria e ata máis pequenos, de sexto de infantil, presentouse ao programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!, que convocou un concurso para centros escolares.

O certame, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a editorial OQO e a CRTVG, deu a coñecer aos premiados e o colexio pontevedrés está entre eles, concretamente na categoría para terceiro e cuarto de primaria.

O premio consiste nun lote de libros da editorial OQO, un agasallo por parte da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, os profesores que participaron recibirán unha certificación de premio á innovación educativa da Consellería de Cultura.