Unha das dez mellores universidades de Xordania interésase pola Escola de Cantería

Pontevedra
23 de novembro 2017

Tres profesores da universidade de Xordania Al-Aibyt University, considerada unha das dez mellores universidades do país, visitaron este xoves as instalacións da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra para coñecer o seu traballo e as súas experiencias por todo o mundo 

Visita de profesores xordanos da Al-Aibyt University
Visita de profesores xordanos da Al-Aibyt University /

Tres profesores da universidade de Xordania Al-Aibyt University, considerada unha das dez mellores universidades do país, visitaron este xoves as instalacións da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra para coñecer o seu traballo e as súas experiencias por todo o mundo. 

Os docentes xordanos estiveron acompañados por profesorado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e puideron coñecer de primeira man os traballos que os alumnos e alumnas da Escola de Cantería desenvolven ao longo do ano e as experiencias de colaboración que teñen en diferentes países do mundo.

A Deputación Provincial resaltou este xoves que a universidade visitante está situada en Mafraq, a menos de oitenta quilómetros de Amán, capital do país, e é tan só unha das moitas visitas recibidas nas instalacións de Poio

Ao respecto, recordan que os estudos que realiza o alumnado na Escola de Cantería son eminentemente prácticos, por iso as saídas e visitas de estudos forman parte integral do proxecto educativo do centro. Froito desta formación práctica, moitas das obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas que realizan están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal.

Ademais, antigos alumnos están a traballar na restauración do Capitolio de Washington ou o barrio de Chiado de Lisboa e desenvolven actuacións de rehabilitación na Catedral de Santiago ou a Westminster en Londres. Tamén participan na construción da Sagrada Familia de Barcelona.