Unha decena de Concellos piden fondos provinciais para redactar proxectos de mellora das súas instalacións deportivas

Pontevedra
02 de maio 2023

O obxectivo desta liña de axudas é prestar apoio aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a redacción de proxectos que poden ser financiados con fondos europeos

Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra
Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

Un total de 28 concellos da provincia de Pontevedra solicitaron subvencións ao abeiro da liña extraordinaria da Deputación de Pontevedra para contratar asistencias técnicas e axudarlles a preparar a documentación necesaria para optar á próxima convocatoria para o fomento do turismo deportivo sostible do Plan de Recuperación do Goberno de España. Unha iniciativa que terá un orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation EU, para a mellora de instalacións deportivas municipais e para o que cada entidade local pode presentar ata dous proxectos cunha achega máxima de 600.000 euros..

Nas comarcas de Pontevedra, Arousa, O Salnés e O Morrazo, os concellos que presentaron a súa solicitude son Bueu, Caldas de Reis, Cuntis, A Lama, Marín, Meis, Poio, Ribadumia, Vilaboa e Vilanova de Arousa. Estas subvencións terán un importe máximo de 5.000 euros e servirán para sufragar os gastos das asistencias técnicas que se contraten para preparar a documentación necesaria para a solicitude da axuda, así como para a redacción ou adaptacións dos proxectos.

Os proxectos céntranse en espazos deportivos como pavillóns municipais, áreas recreativas fluviais, campos de fútbol, complexos deportivos, piscinas municipais e instalacións deportivas en diferentes espazos, entre outros. 

A finalidade do Plan de Recuperación para o fomento do turismo deportivo, que o Goberno do Estado activará proximamente, é, coa mellora das infraestruturas e espazos deportivos municipais, fomentar o turismo deportivo sostible, intentando que o deporte aumente o potencial de atracción de turismo nacional e internacional dos concellos. Preténdese así incrementar a actividade económica sostible e o emprego en zonas rurais, de menor densidade de poboación ou que están sendo abandonadas, incidindo na igualdade e a inclusión, a dixitalización e a eficiencia enerxética. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora