Unha delegación da China visitará Pontevedra para coñecer o Plan Revitaliza

Pontevedra
29 de setembro 2019

China ten postos os seus ollos no modelo de xestión de biorresiduos da Deputación, o coñecido como Plan Revitaliza. Unha delegación de persoal político e técnico do país asiático percorrerá a provincia durante dous días para comprobar o funcionamento deste sistema.

Recepción en Pontevedra á economista xaponesa Kaori Kii
Recepción en Pontevedra á economista xaponesa Kaori Kii /

China ten postos os seus ollos no modelo de xestión de biorresiduos da Deputación, o coñecido como Plan Revitaliza. Unha delegación de persoal político e técnico do país asiático percorrerá a provincia durante dous días para comprobar o funcionamento deste sistema

A visita a Pontevedra está enmarcada dentro dunha xira por Europa para estudar os modelos máis punteiros do vello continente en canto a xestión local descentralizada mediante tratamentos biolóxicos e tamén sobre recollidas selectivas de biorresiduos en orixe.

A delegación chinesa componse dun total de doce persoas, das que dúas son representantes oficiais do goberno chinés, da provincia de Cantón. Tamén estarán en Pontevedra dúas persoas da fundación oficial Vanke Foundation, unha representante da Universidade de Nanjing, tres de ONG, unha dunha empresa privada e dúas de consultoras freelance.

A parte relativa aos tratamentos locais descentralizados estará dividida en tres áreas e modelos: o Revitaliza da Deputación de Pontevedra, experiencias diversas no País Vasco e outras actuacións na comunidade foral de Navarra. 

A parte relativa ás recollidas selectivas estará focalizada no modelo italiano, con visita a Milán e outras experiencias polo norte de Italia, nas que incluirán visitas a algunha grande planta de tratamento. Por último, a visita concluirá en Bilbao, coa asistencia ao congreso que a International Solid Waste Association (ISWA) celebra este ano en terras vascas.

O Plan Revitaliza xa espertara interese dentro do continente asiático o pasado ano. De feito, en setembro de 2018, a economista xaponesa Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional do Xapón, estivo en Pontevedra na busca de modelos para diversificar a xestión de residuos do país nipón, xa que é un dos máis incineradores do mundo.