Unha delegación do Hospital Clínic de Barcelona visita as obras do Novo Montecelo

Pontevedra
03 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Por outra banda, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén acolleu este mércores no salón de actos do hospital Montecelo a Xornada de portas abertas á que asistiron arredor de 75 futuros residentes de formación sanitaria

Unha delegación do Hospital Clínic de Barcelona visita as obras do Novo Montecelo
Unha delegación do Hospital Clínic de Barcelona visita as obras do Novo Montecelo / Sergas

Unha delegación do Hospital Clínic de Barcelona desprazouse este mércores ata a cidade de Pontevedra para coñecer de primeira man o proxecto arquitectónico e asistencial do futuro hospital público Novo Montecelo.

Esta visita ás obras da fase I do centro sanitario de Mourente forma parte dun amplo calendario para percorrer distintos hospitais destacados, nacionais e internacionais, como preparación dun Máster Académico especial, dunha sola edición e sen continuidade, promovido pola Universidade de Barcelona e polo propio Hospital Clínic, que ten como obxectivo redactar as bases do futuro concurso internacional de proxectos do Novo Hospital Clínic.

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, fixo de anfitrión na reunión técnica cos responsables do Hospital Clínic na que tamén estiveron presentes a directora asistencial pontevedresa, Susana Romero Yuste, e outros membros do equipo directivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Tras este encontro para coñecer detalles da evolución do Novo Montecelo, "que xa se converteu nun referente en canto a infraestrutura sanitaria de última xeración", a comitiva do hospital barcelonés percorreu parte das obras e tivo a oportunidade de supervisar o avance os traballos do futuro hospital, que sumará máis de 8.000 metros cadrados de superficie ao actual centro hospitalario de Mourente.

O proxecto arquitectónico hospitalario do Novo Montecelo avanza na cobertura exterior da fachada do edificio en ‘Z’ de hospitalización, de xeito simultáneo ao tabicaxe e delimitación interna de espazos dos diferentes andares, coma son os basamentos e áreas de hospitalización. A Consellería informou que "o cronograma construtivo da obra continúa a avanzar de xeito gradual e progresivo nas áreas de carga, módulos de instalacións e espazos dunha soa altura".

A visita técnica de hoxe en Montecelo é a segunda deste tipo que se recibe na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés no que vai de ano 2024 por parte dunha delegación sanitaria catalana, xa que o pasado xaneiro foron responsables do Hospital La Creu e Sant Pau de Barcelona os que visitaron as obras do Novo Montecelo co obxectivo de coñecer o proxecto arquitectónico do futuro hospital público de pontevedrés e establecer sinerxías entre ambas institucións sanitarias.

XORNADA DE PORTAS ABERTAS 

Por outra banda, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén acolleu este mércores no salón de actos do hospital Montecelo a Xornada de portas abertas á que asistiron arredor de 75 futuros residentes de formación sanitaria especializada de Medicina, Enfermaría, Farmacia e Psicoloxía procedentes de toda España.

"Temos permanentes ganas de facer cousas. Eu fun residente aquí e, agora, son o xerente dunha área que, aínda que é pequena, ten moitas potencialidades" manifestou o xerente da Área Sanitaria, José Flores, quen lles animou a elixir Pontevedra e O Salnés para o seu período de residencia, formación que o ano pasado completou o 100% das súas prazas. 

Tras o remate desta Xornada de portas abertas, os futuros residentes tiveron a oportunidade de coñecer os servizos do seu interese, guiados por representantes dos médicos en enfermeiros en formación das distintas especialidades.