Unha denuncia veciñal, clave para deter un home por agredir á súa parella e esnaquizar a vivenda que compartían

Pontevedra
17 de xaneiro 2019

A Policía Local escoitou chorar á muller e, cando os axentes entraron na casa e se entrevistaron con ela, relatoulle que tivera unha discusión coa súa parella momentos antes e el a agredira. Segundo explicou, tiroulle dos pelos e arrastrouna pola vivenda. Engadiu que non era a primeira vez que o facía

Policía Local de Pontevedra
Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A colaboración veciñal foi clave na última detención por violencia de xénero rexistrada en Pontevedra. A Policía Local detivo na noite do martes ao mércores a un home por presuntamente agredir á súa muller e esnaquizar a vivenda que compartían ambos no centro a cidade. 

Un veciño alertou á Policía Local sobre as 23.30 horas indicando que estaba a escoitar unha forte discusión nun piso e sentira ruídos de golpes e obxectos rompéndose. Unha patrulla desprazouse ao seu domicilio e, á súa chegada, todo estaba en silencio, pero poucos minutos despois empezaron a escoitar o pranto dunha muller no piso do que saíran os berros e ruídos previos. 

Os policías chamaron ao timbre da vivenda e abriulle a porta un home que recoñeceu que tivera unha discusión coa súa parella e que, durante a mesma, ela esnaquizara numerosos obxectos da vivenda. Os axentes comprobaron que o sofá estaba tirado, había numerosa louza rota e restos de cristais rotos e esparexidos pola sala. 

Tras comprobar os danos, e dado que escoitaran chorar a unha muller, os policías preguntáronlle ao home se podían pasar ao interior da vivenda e falar con ela, ao que el accedeu. Unha axente da Policía Local entrevistouse coa vítima e esta manifestoulle que tivera unha discusión coa súa parella momentos antes e el a agredira. Segundo explicou, tiroulle dos pelos e arrastrouna pola vivenda. 

A vítima tamén lle relatou que as desfeitas do piso realizáraos a súa parella e non ela e que non era a primeira vez que a agredía. Tamén manifestou o seu desexo de denuncialo, de modo que os axentes procederon a recoller a denuncia e a deter ao presunto agresor. 

A muller estaba moi alterada e cun ataque de ansiedade, de modo que os policías alertaron a Urxencias Sanitarias de Galicia 061 e desprazouse á vivenda unha ambulancia que a trasladou ao centro de saúde da Parda.