Unha empresa pontevedresa xestionará o SAF de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
26 de xuño 2019

A compañía, que tamén xestiona o SAF de Pontevedra entre outras localidades, subrogará as 13 traballadoras e comprometeuse a realizar unha serie de prestacións que supoñan unha clara mellora na calidade do servizo, do que se benefician actualmente 34 persoas maiores

Persoa maior paseando pola rúa
Persoa maior paseando pola rúa / Imagen de cocoparisienne en Pixabay

O pleno municipal de Ponte Caldelas adxudicou este mércores, en sesión extraordinaria, o servizo de axuda no fogar (SAF) á empresa pontevedresa Idades SL para os dous próximos anos cun importe de 242.595 euros anuais. O acordo adoptouse cos votos favorables do PSdeG-PSOE e a abstención do PP e o BNG.

A compañía, que tamén xestiona o SAF de Pontevedra entre outras localidades, subrogará as 13 traballadoras e comprometeuse a realizar unha serie de prestacións que supoñan unha clara mellora na calidade do servizo, do que se benefician actualmente 34 persoas maiores, delas 26 con declaración de dependencia e as outras 8 na modalidade de libre acceso.

Este servizo convértese así no máis custoso dos que presta o Concello de Ponte Caldelas, mesmo por diante do de recollida de lixo.

Esta situación provocou a intervención do alcalde, quen lembrou que o SAF é unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, que só asume en torno ao 65% do seu custo a través do pago dun módulo por hora de servizo que resulta "completamente insuficiente".

Díaz agarda que nestes dous anos nos que Ponte Caldelas deixa resolto o funcionamento do servizo se produza un cambio de modelo que conduza, ben a un financiamento máis acorde por parte da Xunta ou ben á asunción completa das súas competencias.