Unha escalada que non cesa: medio centenar de novos positivos de COVID na área sanitaria e 737 casos activos

Pontevedra
23 de setembro 2020

A cifra de contaxios de coronavirus segue disparada na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, con 50 novos positivos contabilizados este mércores 23 de setembro no balance oficial da Consellería de Sanidade

Entrada á zona de realización de probas de cribado de COVID no Hospital Provincial
Entrada á zona de realización de probas de cribado de COVID no Hospital Provincial / Mónica Patxot

A subida no número de afectados por coronavirus na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece non ter freo nas últimas xornadas.

Así o reflicte o balance oficial ofrecido este mércores 23 de setembro pola Consellería de Sanidade, que sinala que se contabilizaron 50 novos contaxios na comarca nas últimas horas.

Esta cifra, unida ás 16 altas epidemiolóxicas de pacientes que se rexistraron, fai que a cifra de 'casos activos' dos que informa a Xunta ascenda a 736, o que supón 34 máis que o día anterior confirmando á de Pontevedra como segunda área sanitaria máis afectada de Galicia, só por detrás da Coruña (1.110).

Dos afectados son 20 os pacientes que se atopan ingresados, 5 deles na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e 15 en planta. Destes últimos 13 permanecen no Hospital de Montecelo e 2 no QuirónSalud Miguel Domínguez.

Desde o inicio da pandemia superaron o COVID 1.199 pacientes da área sanitaria e rexistráronse 19 falecementos asociados ao virus. En canto á realización de probas  PCR, nas últimas 24 horas realizáronse 606 que se engaden ás 37.422 efectuadas con anterioridade.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.460, o que supón 10 máis que o martes. Deles 1.110 son da área da Coruña, 679 da de Lugo, 602 da de Ourense, 736 da de Pontevedra, 511 da área de Vigo, 633 da de Santiago, e 189 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 217 en unidades de hospitalización e 4.211 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 17.308 persoas curadas, rexistrándose 721 falecementos.