O Concello de Soutomaior investirá 170.000 euros para levar a cabo a reurbanización, mellora e humanización do barrio do Val-Sobral, na propia parroquia de Soutomaior.
A actuación consistirá no asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros entre a zona da Chan, no Sobral, e o límite da Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido.
O proxecto inclúe o arranxo e asfaltado da estrada e tamén o acondicionamento de tres núcleos de poboación que actualmente funcionan como punto de encontro para os veciños e veciñas do barrio, que pasarán a ser pequenas prazas con tráfico calmado.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, visitou a zona e sinalou que con esta actuación buscan dar "solución a varias das deficiencias que presenta desde hai anos o Val-Sobral", entre elas, o mal estado xeneralizado da estrada principal e as dificultades de acceso en varios puntos.
Ademais, defende que coa creación das tres pequenas prazas, "poremos o barrio do Val-Sobral á altura do que merece a súa veciñanza".
O Goberno local destaca que esta actuación súmase a outras que xa realizadas ou proxectadas na parroquia de Soutomaior desde o comezo de mandato. Cita a construcción na Pedreira do primeiro núcleo de centralidade da parroquia, unha gran praza na contorna da Casa do Pobo; e o proxecto para a creación doutro núcleo de centralidade na contorna da Casa do Concello.
Ademais, adianta que o Goberno tamén avanzará nas vindeiras semanas co seu plan de asfaltados en Romariz, Lourido, Moreira ou Salgueirón.