Unha falsa vertedura de metanol pon a proba a resposta ante nubes tóxicas

O Salnés
30 de maio 2024

Simulacros destas características desenvólvense este ano en dezasete portos españois e este xoves tocoulle ao de Vilagarcía. Foi un "exercicio de mesa", é dicir, non houbo despregamento de medios materiais e humanos

Simulacro técnico no porto de Vilagarcía
Simulacro técnico no porto de Vilagarcía / Ministerio de Transportes

Todas as alarmas soaron en Vilagarcía. Un buque 'quimiquero' derramou 800 toneladas de metanol á auga, provocando unha nube tóxica. Afortunadamente, non foi un accidente real senón un simulacro para poñer a proba os medios contra a contaminación marítima.

Esa falsa vertedura foi o punto de partida deste exercicio que ten como cometido avaliar o comportamento de derrames de substancias nocivas e potencialmente perigosas, en forma de nubes tóxicas, nos portos españois.

Simulacros destas características desenvólvense este ano en dezasete portos españois e este xoves tocoulle ao de Vilagarcía. Foi un "exercicio de mesa", é dicir, non houbo despregamento de medios materiais e humanos.

Nel participaron Capitanía Marítima de Vilagarcía, Salvamento Marítimo, Protección Civil, Autoridade Portuaria de Vilagarcía, 112 Galicia, Bombeiros de Vilagarcía, Delegación do Goberno, Armada, 061, os servizos técnico-náuticos do porto e a responsables da área de contaminación mariña da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Este ensaio simulado faise para poñer en marcha as estruturas e comprobar os procedementos operativos que se establecen para dar resposta a unha emerxencia de protección civil por vertedura de orixe química.

Tamén se avalían o grao de coordinación dos axentes implicados e a forma e os tempos en que se responde á emerxencia. 

Con este exercicio, búscase examinar a capacidade de resposta da administración na dirección, coordinación e efectividade ante un suceso dun derrame que implique substancias nocivas líquidas, para detectar así as carencias que se puideron producir.

O obxectivo tamén é garantir que a Dirección Xeral da Mariña Mercante traballa de forma permanente para mellorar os sistemas de resposta ante posibles emerxencias mariñas provocadas por contaminación, sexa do tipo que sexa.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora