Unha fin de semana de mariscada en mariscada no Grove

O Salnés
05 de outubro 2019

Segundo os datos facilitados polo Concello, os produtos elixidos polos visitantes son o polbo, con 728 racións consumidas na primeira xornada; os mexillóns, con 666 racións; o arroz de mariscos, con 602 racións; e as navallas, con 455

Festa do Marisco de O Grove 2019
Festa do Marisco de O Grove 2019 / Diego Torrado

Na localidade do Grove, a fin de semana é iso que pasa entre mariscada e mariscada. A vila está inmersa en plena Festa do Marisco e está a deixar imaxes de cheo total tanto na zona de comidas como na praza do Corgo, lugar das citas musicais. 

Segundo os datos facilitados polo Concello, os produtos elixidos polos visitantes son o polbo, con 728 racións consumidas na primeira xornada; os mexillóns, con 666 racións; o arroz de mariscos, con 602 racións; e as navallas, con 455.

Ademais, na primeira xornada consumíronse case 900 racións de pan e unhas 600 racións de empanadas de atún, centeo con zamburiñas, mexillón ou polbo. A novidade introducida o ano pasado co cangrexo real está a consolidarse e durante a xornada inaugural deste venres chegáronse ás 100 racións.

Os percebes e as ostras suman outras 500 racións e en canto ás bebidas, este ano a novidade chega da man do viño espumoso, que empeza a maridar cos produtos do mar.

En canto ás actuacións musicais, a programación inclúe 17 concertos de balde e a primeira noite xa foi de éxito. A carpa encheuse de espectadores dispostos a gozar da música trap de MS Nina e Sticky MA na noite do venres e para este sábado están programados Imelda May, Christina Rosenvinge, Triángulo de Amor Bizarro e, para rematar, o DJ Nano Vinilo.

A programación musical da Festa do Marisco inclúe o domingo 6 as actuacións de Xabier Díaz e Adufeiras e o xoves 10 será Dulce Pontes. Novidades Carminha e Holywater actúan o día 11. O 12 de outubro será o turno de Iván Ferreiro, Marem Ladson e Os Amigos dos Músicos; e o domingo 13, un grupo clásico do pop español: Los Secretos. 

A programación musical tamén fai un oco ás bandas locais Fla-Meco, @deviño, 5 en Zocas, A Banda do Sequío e Os Firrás.