Unha gala benéfica recadará fondos en Bueu para persoas con ELA

Bueu
17 de xaneiro 2026

O evento será o sábado 24 de xaneiro ás 18.30 horas no Centro Social do Mar e servirá para lograr fondos para o copago de fisioterapia, logopedia e rehabilitación das persoas afectadas

Presentación da gala benéfica pola ELA en Bueu
Presentación da gala benéfica pola ELA en Bueu / Concello de Bueu

O próximo sábado, 24 de xaneiro, o Centro Social do Mar de Bueu acollerá unha gala benéfica pola ELA (Esclerosis Lateral Amiotrófica). 

A gala contará coas actuacións dos grupos de música tradicional bueueses Retrouso de Cela e A.C. Novos Ventos e da música de Noite Son e Adolfo FH.

A xornalista Raquel Atanes será a encargada de guiar e presentar o acto, no que haberá algunha sorpresa e sorteos grazas a doazóns de comercios locais.

O evento, previsto a partir das 18.30 horas, está organizado pola asociación Agaela e o Concello de Bueu, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e comercios da vila. 

A entrada terá un prezo de 5 euros, que se destinarán integramente a Agaela. Todas as persoas que non poidan asistir pero desexen colaborar terán a oportunidade de facelo a través da fila 0.

Para a venda de entradas e merchandising, integrantes da asociación estarán o xoves 22 de xaneiro cun posto ao lado da praza de abastos de Bueu.

Laura Ogando Muñiz, concelleira de benestar social e igualdade; Carmen García García, concelleira de cultura e mocidade; Pilar Guimeráns Gallego, secretaria da asociación AGAELA; e María Moldes Menduíña, veciña afectada, presentaron a gala este venres.

Laura Ogando destacou que o obxectivo é "dar a coñecer e visibilizar" a ELA.

Pilar Guimeráns explicou que todo o recadado irá destinado ao copago para fisioterapia, logopedia e rehabilitación das persoas afectadas, pois actualmente a lei ELA non inclúe estes gastos, motivo polo que a asociación sigue loitando.