Unha marcha silenciosa e unha ofrenda floral lembrarán a Jéssica no segundo aniversario do crime

Barro
16 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ás 9.30 horas, hai convocada unha marcha silenciosa desde os muíños de Barosa ata o cruzamento do lugar de Constenla no que o acusado encaixou o seu coche contra o dela.  A continuación, ás 10.00 horas, haberá unha ofrenda floral, lerase un manifesto reivindicativo e haberá un minuto de silencio na súa memoria

Concentración en Barro polo "femenicidio" de Jessica Méndez Mónica Patxot

Este domingo 17 de marzo cúmprense dous anos do sinistro mortal que lle arrebatou a vida a Jessica Méndez, a moza que en 2022 foi presuntamente asasinada por José Carlos Eirín, un home que levaba anos acosándoa e que desde o luns está a ser xulgado por un tribunal popular na Audiencia de Pontevedra

Con motivo do aniversario, os seus veciños e achegados queren lembrala. Durante toda a semana, un grupo de persoas da parroquia pontevedresa de Verducido, onde viven os pais da falecida, concéntrase ás portas da Audiencia pedindo "Xustiza para Jéssica" e o domingo convocaron un acto público en Barro. 

Ás 9.30 horas, hai convocada unha marcha silenciosa desde os muíños de Barosa ata o cruzamento do lugar de Constenla no que o acusado encaixou o seu coche contra o dela.

A continuación, ás 10.00 horas, haberá unha ofrenda floral, lerase un manifesto reivindicativo e haberá un minuto de silencio en memoria de Jéssica.

O 17 á primeira hora da mañá produciuse o accidente e, ao día seguinte, o día 18, ela morreu no hospital ao non poder recuperarse das graves feridas sufridas.

Por estes feitos, a Fiscalía e as dúas acusacións -unha en nome do noivo e outra da familia da vítima- piden a condena do acusado por un delito de asasinato con aleivosía e agravante de xénero, mentres que a defensa sostén a súa inocencia e, subsidiariamente, recoñece un delito de homicidio por imprudencia leve ou grave.