Unha nova usuaria de Down Pontevedra traballará como monitora de comedor no Vidal Portela

04 de novembro 2019

A empresa encargada de xestionar os comedores escolares, Arume, contratara con anterioridade a outros dous usuarios desta entidade. Cecilia dos Santos compaxina o seu novo emprego co de ordenanza no Coworking  Arroelo e coa preparación de oposicións

Cecilia de los Santos, usuaria de Down Pontevedra contratada por Arume
Cecilia de los Santos, usuaria de Down Pontevedra contratada por Arume / Down Pontevedra

O programa de emprego con apoio de Down Pontevedra segue afianzándose como unha ferramenta últil para facilitar a inserción de persoas con síndrome de Down no mercado laboral. A última en conseguir un emprego foi Cecilia de los Santos, que acaba de ser contratada por Arume, a empresa que presta servizo nos comedores escolares de los colexios públicos de Pontevedra.

Esta moza pontevedresa únese ao equipo do comedor do CEIP Manuel Vidal Portela para realizar funcións de monitora. É a terceira usuaria do programa laboral de Down Pontevedra que é contratada por Arume, despois de Diego Touriño e Víctor Vázquez. 

A nova incorporación compaxinará o seu novo traballo co seu posto no Coworking Espazo Arroelo de Pontevedra, onde desempeña as funcións de ordenanza desde o 2016, onde acaba de asinar un contrato indefinido. Ademais de poder compatibilizar ambos os empregos, de los Santos prepara actualmente oposicións e séguese formando en “Xuntos” para lograr unha autonomía plena e inclusiva.