Unha provincia 'amiga dos nenos', proposta de César Mosquera aos alcaldes

Pontevedra
22 de xaneiro 2016

Todos os alcaldes e alcaldesas da provincia foron convocados polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera, para transmitirlles a súa intención de impulsar a creación dunha rede de cidades e vilas amigas dos nenos e nenas en Pontevedra, seguindo as liñas do investigador italiano, Franceso Tonucci

Nenos á porta dun colexio
Nenos á porta dun colexio / Mónica Patxot

Todos os alcaldes e alcaldesas da provincia foron convocados polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera, para transmitirlles a súa intención de impulsar a creación dunha rede de cidades e vilas amigas dos nenos e nenas en Pontevedra, seguindo as liñas do investigador italiano, Franceso Tonucci.

O encontro de rexedores será o vindeiro mércores 27 ás dez da mañá no edificio administrativo da institución provincial.

A filosofía de Tonucci, que pretende tomar aos nenos como parámetro e garantía das necesidades de todos os cidadáns, "entronca perfectamente co que a Deputación quere desenvolver na provincia para acadar cidades cómodas, amables, seguras e accesibles, garantindo as mobilidades de tódolos sectores", destacou Mosquera.

Subliñou, en calquera caso, que cada municipio debe determinar como deseña o seu espazo público e insistiu en que a decisión formal para a adhesión á rede debe ser tomada polos alcaldes e os seus gobernos.

De feito, explicou que a participación debe ser confirmada mediante un acordo do consello municipal ou polo Pleno de cada concello, onde se debe facer unha presentación do proxecto adaptándoo ás características propias do lugar. 

A reunión do vindeiro mércores será, por tanto, unha primeira toma de contacto cos rexedores para dar a información precisa sobre o proxecto e pulsar as súas impresións sobre a viabilidade da iniciativa: crear unha 'provincia amiga dos nenos'. De saír adiante, Pontevedra uniríase a unha rede mundial na que participan centos de cidades europeas e americanas e na que a capital da provincia tamén está presente.

A proposta da institución provincial aos demais concellos de Pontevedra  xurdiu o  pasado mes de novembro, cando a Deputación participou en Roma no congreso 'Autonomía é saúde' organizado polo sociólogo italiano Francesco Tonucci.