Unha rexenerada Carabuxeira recibirá os seus primeiros bañistas o 18 de xuño

Sanxenxo
03 de xuño 2021

Xa hai data para a reapertura ao público da praia de Carabuxeira. Será o próximo 18 de xuño, segundo informou o goberno municipal de Sanxenxo, que avanzou que a primeira fase da rexeneración do areal encara xa a súa recta final

Traballos de rexeneración da praia de Carabuxeira
Traballos de rexeneración da praia de Carabuxeira / Concello de Sanxenxo

Xa hai data para a reapertura ao público da praia de Carabuxeira. Será o próximo 18 de xuño, segundo informou o goberno municipal de Sanxenxo, que avanzou que a primeira fase da rexeneración do areal encara xa a súa recta final.

Así se acordou na reunión da comisión de seguimento da Carabuxeira, na que estiveron representadas todas as administracións e entidades implicadas nos traballos: Concello, Costas, Portos de Galicia, Nauta e o director de obra de Aquática Enxeñería.

A achega de area combina desde hai un par de semanas dous sistemas. Coa marea baixa, a través de dumpers e escavadoras e coa marea alta, coa draga do barco.

Nos próximos días, comezará o recheo e a colocación dos catro tubos geotéxtiles que faltan, que funcionarán como dique temporal para conter o árido na praia ata a fase definitiva. A continuación, estenderase a area mediante escavadoras para configurar o perfil definitivo da praia coa totalidade da area extraída.

No proxecto definitivo que xa se está tramitando súmanse outros 14.000 metros cúbicos de area e inclúese un paseo marítimo de 360 metros entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira que permitirá o tránsito peonil e o goce deste tramo de costa urbana.

Neste caso substituiranse eses xeotubos provisionais por unhas ramplas de cachotería, de formigón e dique, que quedarán semisomerxidas.

Durante o encontro, o alcalde, Telmo Martín, expuxo realizar achegas de area á praia de Lavapanos, que tamén presenta unha importante deficiencia de árido, antes do proxecto definitivo, para o que Nauta tramitará os permisos para lograr a autorización de Costas.

O Concello confía en que a rexeneración dese areal estea lista a próxima primavera.