Unha semana co ollo máis atento á velocidade de vías convencionais e urbanas

Pontevedra
04 de xullo 2022

A partir deste luns 4 de xullo, e ata o domingo 10, a DGT pon en marcha unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas. Ademais da Garda Civil de Tráfico, súmanse á campaña as distintas policías locais

Control da Garda Civil de Tráfico | ARQUIVO
Control da Garda Civil de Tráfico | ARQUIVO / Mónica Patxot

A partir deste luns 4 de xullo, e ata o domingo 10, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) pon en marcha unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas de toda Galicia.

Durante a campaña que se desenvolveu o pasado ano nestas mesmas datas, nas estradas galegas controláronse 139.663 vehículos e 7.899 condutores resultaron infractores e, por tanto, denunciados por exceso de velocidade.

En Pontevedra, a media de infractores foi inferior á galega. Así, se en Galicia foron sancionados o 5,6% do total de vehículos controlados, nas estradas pontevedreses foi o 3,3%. 

As estradas pontevedreses foron as que controlaron máis vehículos, 53.453. Deles, sancionaron a 2.767.

Esta campaña busca conseguir unha maior redución da velocidade media e empregará o máximo de medios posibles. Cando sexa posible, avisarase da existencia de controis a través dos paneis de sinalización variables e nas pantallas alfanuméricas dos  vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións.

Ademais da Garda Civil de Tráfico, súmanse á campaña as distintas policías locais. Trátase dunha colaboración que consideran "moi importante para unificar a mensaxe de respecto dos límites de velocidade establecidos independentemente da vía pola que se circule".

Os controis velarán polo cumprimento dos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos. Neste aspecto, convén lembrar que o pasado mes de marzo, entre outras novidades, entrou en vigor a norma que impide aos condutores pasar a velocidade en 20km/h para adiantar en vías convencionais.

A campaña busca concienciar aos condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes, pois a DGT considera que a consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores que outras infraccións como o alcol ou a falta de cinto de seguridade.

Ese risco reflíctese nas estatísticas, pois no 20% dos accidentes mortais rexistrados en vías interurbanas españolas, apreciouse a velocidade como factor concorrente e o exceso de velocidade é a tipoloxía de sanción máis frecuente nas estradas.

Tan só en Galicia, o ano pasado impuxéronse 68.000 sancións por exceso de velocidade. Son 6 de cada 10 infraccións que se cometeron na estrada.