Unha senda peonil de 636 metros de lonxitude rematará cos problemas de seguridade viaria no ramal de acceso á igrexa de Figueirido, en Vilaboa.
A estrada EP-0104, de titularidade da Deputación de Pontevedra, ten dobre sentido de circulación e polo de agora carece de beirarrúas. Tras varias conversas mantidas polo alcalde de Vilaboa, César Poza, cos responsables de Infraestruturas e de Mobilidade do ente provincial acordouse como solución máis favorable para a mellora da seguridade viaria neste tramo a construcción dunha senda de formigón coloreado que protexa aos viandantes dos riscos do tráfico rodado.
A actuación, que supera o medio millón de euros de investimento, será asumida na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra a través dun convenio co Concello, que lle cederá os terreos necesarios para acometer os traballos.
Ademais das obras de pavimentación e construcción da senda, a actuación inclúe un sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición de aqueles servicios afectados pola execución das obras.
Esta serie de actuacións teñen por obxecto mellorar as características da estrada en beneficio da seguridade e comodidade dos usuarios, como son a mellora das actuais paradas de bus mediante a disposición dun espazo reservado para tal fin fóra da calzada. Rehabilitarase tamén o firme nos tramos máis danados, delimitarase o espazo de plataforma de estrada que actualmente presenta anchos de carrís dispares, disporanse pasos de peóns sobreelevados e dotarase dun treito de calmado de velocidade nas inmediacións do cemiterio de Santo André de Figueirido, onde se deseña unha zona de convivencia e unha praza con prioridade peonil.