Unha soa médica atende a máis de 2.400 persoas en Seixo pola baixa sen cubrir doutra facultativa

Marín
19 de xuño 2026

Desde a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo reclaman unha "solución urxente", especialmente coa chegada do verán, que provocará un aumento considerable de poboación

Concentración contra as listas de agarda no entro de saúde de Marín
Concentración contra as listas de agarda no entro de saúde de Marín / Plataforma sanitaria de Seixo-Marín

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín denuncia que o centro de saúde de Seixo está a operar cunha soa médica para atender a máis de 2.400 persoas

A plataforma, que agrupa a máis de 20 colectivos, sinala que esta situación se debe á baixa da outra facultativa que non foi cuberta polo Sergas desde o 1 de xuño.

O colectivo indica que, desde o momento da baixa, os casos máis urxentes, as receitas e os pacientes foron asumidos pola outra doutora, provocando que a lista de agarda e a axenda desta única médica aumente.

A portavoz da Plataforma, Iria Aboi, incide en que "a pesar dos esforzos do persoal que temos no centro de saúde por atender as necesidades, aumentou moito o tempo de espera para unha cita". Ademais, di que o verán aínda non empezou e prevese un aumento considerable de poboación no municipio.

"Levamos anos denunciando que a Consellería ten na súa política de recortes deixar de cubrir baixas, permisos, vacacións e xubilacións", lamenta, o que provoca "a saturación do persoal que está en activo e a listas de espera evitables. Nos dous centros de saúde do Concello sabemos as consecuencias desta neglixencia na saúde das veciñas e veciños".

Aboi insiste en que "non aceptamos que nos digan que non teñen a quen mandar, cando o conselleiro Caamaño fai anuncios día si día tamén da cantidade de persoal médico voluntario que teñen para o verán e os PACs".

"Que se deixen de propaganda, que iso non cura. Que vai pasar cando a médica en activo coxa vacacións? Como quedariamos se a esta médica lle pasa algo?", sinala.

Desde a Plataforma reclaman unha "solución urxente" para o problema xa que "quen sufrimos as consecuencias da mala xestión e planificacións da xerencia de área do Sr. Flores e da Consellería somos nós. Nós tamén seremos nós os que volveremos facer novas protestas porque non nos imos a calar ante a deterioración da sanidade de todas e todos", conclúen.