Algo máis de 54.000 euros recibirá o Concello de Poio para impulsar diversas iniciativas que contribúan a poñer en valor a Casa Museo de Colón, en Porto Santo. Os cartos procederán dunha subvención concedida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).
A obtención destes fondos servirá para impulsar un proxecto de carácter bianual que contempla, entre outras novidades, a contratación dun técnico que traballará na elaboración e deseño de diferentes iniciativas e actividades.
O obxectivo é que sirvan non só para dar a coñecer a teoría do Colón galego e as instalacións, senón tamén para consolidar unha ampliación dos horarios de visita.
Parte da axuda irá destinada á realización dun vídeo documental e promocional, así como á organización de charlas, conferencias e obradoiros que axuden a difundir os valores patrimoniais, culturais e medio ambientais que están vencellados a Cristóbal Colón.
De cara a este traballo, o goberno municipal tamén inclúe a realización de obras de mellora nestas dependencias, para as que se contempla un investimento duns 75.000 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.