Unha trintena de pacientes reciben seguimento por covid persistente na área sanitaria de Pontevedra

Pontevedra
28 de febreiro 2024

José Flores, xerente do CHOP, e Adolfo Baloira, responsable da Unidade Multidisciplinar Post-Covid, mantiveron un encontro con directivas da recentemente creada Asociación Galega de Covid Persistente (Asgacop)

Reunión entre directivas de Asgacop e responsables da área sanitaria Pontevedra e Salnés
Reunión entre directivas de Asgacop e responsables da área sanitaria Pontevedra e Salnés / Complexo Hospitalario de Pontevedra

A recente Asociación Galega de Covid Persistente (Asgacop) presentouse aos responsables do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Así, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e o responsable da Unidade Multidisciplinar Post-Covid, Adolfo Baloira, mantiveron este primeiro encontro coa presidenta e tesoureira deste colectivo, Isabel Quintana e Rita de Lago.

Este colectivo aúna a persoas afectadas pola covid-19 crónica, secuela da que aínda se ten escasa información.

Os encontros que veñen mantendo con responsables sanitarios son para difundir entre estes pacientes a súa existencia, solicitar que lles inclúa no Consello Asesor de Pacientes das respectivas áreas sanitarias e ofrecer a súa colaboración para realizar actividades formativas sobre covid persistente entre médicos de familia e de especialidades.

No caso do Complexo Hospitalario de Pontevedra, estes pacientes están a ser asistidos na Unidade Multidisciplinar Post-Covid. Actualmente están en seguimento entre 25 e 30 persoas. Dita unidade traballa en colaboración con Atención Primaria e especialidades de Neuroloxía, Psiquiatría, Psicoloxía Clínica e Cardioloxía.

Asgacop creouse o pasado xaneiro e conta con case medio centenar de socios, na súa maioría mulleres de Ourense, Lugo, A Coruña e Vigo. Este dato non é excepcional xa que o 80% das persoas afectadas son mulleres, de mediana idade, moi activas laboral e socialmente, previamente sas e pasaron a covid leve ou moderadamente.

Os síntomas máis habituais de covid persistente son fatiga, dificultade para respirar, tose persistente, dor de peito, dor de cabeza, muscular e articular, falta de memoria e dificultade para concentrarse e para durmir.