Unha UTE galega construirá o campo de fútbol de Salcedo por 1,48 millóns de euros

Pontevedra
30 de agosto 2021

Trátase de Galitec, unha firma de Lalín especializada en instalacións deportivas, e a construtora Eulogio Viñal Obras e Construcións, con sede en Oroso (A Coruña). Así o propuxo a mesa de contratación municipal celebrada recentemente. O prazo de execución desta obra é de dez meses

Lugar onde está prevista a construción do campo de fútbol de Salcedo
Lugar onde está prevista a construción do campo de fútbol de Salcedo

Dúas empresas galegas, que presentaron unha oferta conxunta, serán as encargadas de construír o novo campo de fútbol de Salcedo.

Trátase de Galitec, unha firma de Lalín especializada en instalacións deportivas, e a construtora Eulogio Viñal Obras e Construcións, con sede en Oroso (A Coruña). Así o propuxo a mesa de contratación municipal celebrada recentemente.

Esta UTE comprometeuse a construír o campo por 1,48 millóns de euros, fronte aos 1,62 millóns nos que este proxecto saíu a contratación.

O prazo de execución desta obra é de dez meses.

O campo de fútbol de Salcedo, que será financiado con cargo ao convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, é considerado polo goberno municipal como un dos máis importantes executados neste concello.

Estará nuns terreos cedidos pola comunidade de montes. Será un campo de herba artificial, cos parámetros que esixe a FIFA para este tipo de instalacións, e terá unhas dimensións de 100 por 58 metros.

Ademais, prevese a construción de varias edificacións para albergar catro vestiarios para os xogadores, dous vestiarios para os árbitros, almacéns e unha bancada elevada.

Os trámites administrativos para construír este campo de fútbol víronse atrasados pola necesidade de solicitar varios informes sectoriais e polas dificultades asociadas pola pandemia da covid-19.