Unha veciña de Barro presenta alegacións ao orzamento para que se cumpra unha sentenza urbanística

Barro
07 de xaneiro 2018

Alega que as contas municipais de 2018 non inclúen ningunha partida orzamentaria para acometer a demolición da ponte construída sobre o Rego Areal, en San Antoniño, tal e como demanda a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU)

Pleno municipal en Barro
Pleno municipal en Barro /

A non inclusión no orzamento de Barro para 2018 dunha partida específica para a demolición da ponte sobre o Rego Areal, en San Antoniño, motivou a presentación de alegacións ás contas por parte dunha veciña do municipio.

Patricia Eirín Carreira solicita que se cumpra coa sentenza da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), á que que recorreu no seu momento e que en 2014 ditou unha sentenza que obriga á reposición dos terreos afectados ao seu estado orixinal ao entender que as obras non se adecuaban á legalidade urbanística vixente.

"O pasado mes de setembro a APLU dirixiu un escrito ao Concello de Barro no que se reitera", asegura Erirín.

Por todo iso esta veciña solicita que se inclúa unha partida específica a este fin. Segundo unha valoración elaborada por unha "técnica competente", asegura que as obras de demolición da ponte ascenderían a 155.668 euros.

Nas súas alegacións á sentenza da APLU, o Concello de Barro argumentou que a actuación denunciada estaba amparada por un expediente de modificación puntual do PXOM para adecuar a estrutura viaria da zona aos desenvolvementos residenciais. Ademais sinalou que no momento de incoar expediente urbanístico transcorrera o prazo máximo de seis anos establecido para ese efecto desde a finalización dos traballos.