Unidas Podemos denuncia que as obras de musealización en castros de Pontevedra causaron afeccións sobre o patrimonio

Pontevedra
11 de outubro 2021

A formación alega que as actuacións desenvolvidas poderían chegar a vulnerar normativas como a Carta Internacional para a Xestión do Patrimonio Arqueolóxico, a Convención Europea para a protección do Patrimonio Arqueolóxico, a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia ou a Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español

Antón Gómez-Reino e Sofía Castañón
Antón Gómez-Reino e Sofía Castañón / En Común Podemos

O proxecto Trazas de Pontevedra para a  restauración e musealización de 18 xacementos galaico-romanos da provincia chegará ao Congreso. Será a través do grupo parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, que pide información sobre a afección que estas obras puideron ter no patrimonio histórico.

A formación alega que as actuacións desenvolvidas poderían chegar a vulnerar normativas como a Carta Internacional para a Xestión do Patrimonio Arqueolóxico, a Convención Europea para a protección do Patrimonio Arqueolóxico, a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia ou a Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español. 

Unidas Podemos rexistrou dúas preguntas parlamentarias a iniciativa do deputado galego Antón Gómez Reino e a asturiana Sofía Castañón nas que lembran que o Consello da Cultura Galega e o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), dependente da Unesco, emitiron dous informes desfavorables acerca das actuacións desenvolvidas ata a data. Ademais, fanse eco de que colectivos culturais e de defensa do territorio denunciaron este caso.

Desde esta fomación política instan ao Ministerio de Transportes e ao Ministerio de Cultura, que promove o proxecto en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, a "tomar medidas e a ter en conta as recomendacións destes informes para protexer os asentamentos castrenses galaico-romanos, adecuándose á normativa vixente e priorizando a conservación e protección dos mesmos antes que o interese turístico para evitar a perda ou destrución de valores e bens do patrimonio histórico galego".

O grupo parlamentario lembra que o informe do Consello da Cultura galega ditamina que as accións de presentación e interpretación desenvólvense "sen contar con estudos pormenorizados que teñan a amplitude, profundidade e rigor necesarios". Ademais, engade que no seu desenvolvemento, "primouse o goce sobre a protección, dando prioridade como criterio á comodidade do visitante e ao deseño efectista antes que á retransmisión dos valores culturais dos castros obxecto do roteiro (…) Tratando os castros coma se fosen iguais e tractores turísticos máis que como equipamentos culturais (…) Non se outorgou preferencia á protección e conservación". 

O documento do Icomos esgrime que o programa de musealización non se axusta aos "procedementos garantistas de autorización previa que deben validar a súa adecuación e proporcionalidade aos fins previstos (…). As solucións ás inconcrecións detectadas no proxecto derívanse á execución das obras, o que supón un indubidable risco para os bens e unha falta de previsión que debe ser esixible a toda actuación sobre bens culturais".