O campus de Pontevedra súmase estes días á celebración do Día das Letras Galegas cun amplo programa de actividades que teñen como eixo central a promoción da lingua e da cultura galega.
O alumnado de diferentes facultades impulsa iniciativas que van desde campañas en redes sociais ata exposicións gastronómicas e obradoiros poéticos.
Un dos proxectos máis destacados chega da Facultade de Comunicación, onde estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas puxeron en marcha 26 campañas dixitais para fomentar o uso do galego entre a mocidade.
A iniciativa forma parte do proxecto Comunica en galego, coordinado polo profesor Xosé Baamonde, e busca combinar a aprendizaxe práctica das redes sociais coa difusión da cultura galega.
As campañas céntranse en ámbitos moi diversos: música, literatura, audiovisual, medios de comunicación, patrimonio ou moda.
Entre as propostas destacan perfís dedicados á música en galego, á promoción de debuxos e contidos audiovisuais, á difusión de creadoras galegas ou á recomendación de libros e banda deseñada no noso idioma.
O alumnado foi o encargado de deseñar e xestionar estes proxectos ao longo do cuadrimestre, empregando diferentes plataformas sociais para chegar ao público novo.
A programación complétase cunha iniciativa que une lingua e gastronomía.
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle a exposición Unha lingua con moito sabor, promovida polas profesoras Alicia Sentí e Ana Acuña.
A mostra reúne receitas tradicionais elaboradas polo alumnado de Educación Infantil e inclúe tamén debuxos realizados por escolares do Colexio Martín Códax de Vigo sobre os seus pratos favoritos. Ademais, proxéctanse vídeo-receitas nas que estudantes universitarios explican como preparar diferentes pratos típicos galegos.
Por outra banda, a Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes organiza este xoves o obradoiro Vivir sendo muller, unha actividade centrada na reflexión sobre o territorio galego desde unha perspectiva feminista. O taller, impartido por Noa Fontán, pretende afondar na identidade das mulleres e dar visibilidade ás poetas que abriron camiño na literatura galega contemporánea.
Todas estas propostas converten o campus pontevedrés nun espazo de celebración da lingua galega, combinando creatividade, participación estudantil e difusión cultural arredor das Letras Galegas.