O departamento de Urbanismo da Xunta de Galicia, acaba de dar o seu visto e prace ao Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a ordenación da zona verde da praia fluvial de Cerdedo.
Trátase dun proxecto destacado do goberno municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade.
O alcalde, Jorge Cubela, sinalou que é "o noso gran proxecto para o núcleo de Cerdedo" que ten coma obxectivo "convertilo nun dos grandes polos de atracción turística da estrada Nacional N-541", asegurou.
Con este trámite o Concello completa todos os informes preceptivos deste "longo e farragoso" proceso administrativo para transformar este espazo nunha "grande infraestrutura verde, deportiva, fluvial e cultural de referencia en toda a contorna".
Este Plan Especial de Infraestruturas permitirá cambiar o uso deste parcelario, que maioritariamente é solo rústico.
Unha vez resolto e aprobado de novo en Pleno este Plan Especial, o Concello poderá poñer en marcha todo o proceso de expropiacións de terreos necesarios para desenvolver este proxecto.
O Concello de Cerdedo-Cotobade pretende investir preto de 2 millóns de euros para facer unha estación de autocaravanas, unha área fluvial e de lecer máis grande, unha cafetería para dar servicio alí, unha pista deportiva, un anfiteatro cunha bancada natural para facer actividades e unha área recreativa con sendeiros circulares para pasear.
Jorge Cubela considera que a posta en marcha desta iniciativa vai supoñer "un cambio radical e un revulsivo desde o punto de vista do lecer para a veciñanza e un atractivo turístico sen precedentes para o núcleo de Cerdedo".