Urbaser renovará de forma progresiva todos os contedores de lixo de Vilaboa

Vilaboa
15 de xullo 2025

O punto verde municipal do Cabalo é outro servizo que asumirá Urbaser. Un dos primeiros pasos con respecto a este equipamento será a redacción dun proxecto que facilite a optimización deste espazo

Novo modelo de contedores en Vilaboa
Novo modelo de contedores en Vilaboa / Concello de Vilaboa

Vilaboa está a punto de poñer en marcha un novo modelo de contedores. Está impulsado pola empresa Urbaser, adxudicataria do servizo de recollida de residuos no municipio.

Así, a compañía irá instalando os novos recipientes de xeito progresivo, substituíndo os actuais, xa que a maior parte deles están nun estado de avanzado deterioro.

En total, haberá 330 illas de reciclaxe que serán distribuídas por todo o termo municipal.

Renovarase tamén toda a contenerización de reciclaxe xa que cambia o sistema de recollida de traseira a lateral e incrementarase o número actual xa que a intención do goberno local é desenvolver novas liñas de incentivo á separación de residuos entre a poboación.

A adxudicación do novo contrato de xestión de residuos sólidos a Urbaser suporá un "paso adiante" na aposta pola reciclaxe e a compostaxe no municipio, segundo o alcalde, César Poza.

A recollida dos residuos sólidos farase a partir de agora de xeito semanal e ata dúas veces á semana nas zonas de máis densidade de poboación, tanto no orgánico como no resto dos residuos. Ademais, realizarase unha limpeza periódica dos contenedores.

A empresa utilizará para iso camións de carga lateral

O punto verde municipal do Cabalo é outro servizo que asumirá Urbaser, así como o coste laboral das dúas persoas que se encarguen da xestión dos restos de poda que alí se acumulan.

Un dos primeiros pasos de Urbaser con respecto a este equipamento será a redacción dun proxecto que facilite a optimización deste espazo.