Urxen medidas ante o risco de derrubamento do acceso á praia do Santo

Marín
19 de abril 2023

A portavoz nacionalista Lucía Santos insta ao goberno municipal a "actuar de inmediato no paseo para garantir a seguridade das persoas que visitan a praia do Santo"

Muro do paseo da Praia do Santo
Muro do paseo da Praia do Santo / BNG de Marín

A portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Marín, Lucía Santos, alertou de que no acceso á praia do Santo "o muro que sostén o paseo corre un grave risco de derrubamento por falta de mantemento".

"Boa parte dos bloques de pedra, de grandes dimensións, están totalmente desprendidos da estrutura", sinala Lucía Santos que lembrou que xa no pasado mes de xaneiro, veciños de Ardán trasladaron ao concello o mal estado do muro "cando só había unha pedra desprendida".

Lucía Santos lamentou a "evidente desidia do goberno municipal ao non actuar cando o dano era menor, xa que se podería ter evitado o desprendemento do muro", polo que insta ao Concello de Marín a "actuar de inmediato para garantir a seguridade das persoas que visitan a praia do Santo".

Por outra banda, a voceira do BNG demanda o "arranxo inmediato" da rampa de acceso ao areal, á que lle faltan varias táboas.

"O seu estado actual dificulta a baixada á praia e imposibilita o acceso a persoas con mobilidade reducida", dixo, polo que "resulta incomprensible ter unha praia con bandeira azul que non reúne as medidas de accesibilidade e seguridade máis básicas".