Usuarios das hortas urbanas pregúntanse que sucede no Concello de Pontevedra para que aínda non se autorice o uso das hortas urbanas, despois de que este martes a Xunta permitise o uso de recintos para o cultivo nunha normativa recollida no Diario Oficial de Galicia deste martes.
Sinalan que, por exemplo, a zona das hortas urbanas en Conde de Bugallal continúa precintada e estanse perdendo os cultivos realizados durante os meses anteriores, ademais de que tamén están a deixar pasar días importantes para realizar novos cultivos para os próximos meses. "Este é o momento", indica unha usuaria afirmando que se non lles deixan traballar agora nestes recintos xa non ten sentido facelo noutro período.
Iván Puentes, concelleira de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, afirma que non está clara a orde efectuada pola Consellería do Medio Rural publicada no DOG. Por este motivo, realizaron unha consulta desde o Concello para comprobar se as hortas urbanas figuran como espazo ao que se poidan desprazar os usuarios para recoller os seus cultivos ecolóxicos. Iván Puentes indica que na normativa non queda claro se estes espazos aparecen recollidos. En todo caso, se se inclúen, o concelleiro apunta a que se terá que establecer un protocolo para regular a actividade, xa que non se permite a presenza de máis de dúas persoas no mesmo momento e hai que cumprir coas normas de seguridade. Por este motivo, afirma que será necesario establecer un sistema de quendas para as 20 persoas que utilizan o horto en Monte Porreiro e para as 37 de Conde de Bugalla.
Ademais, sinala que será necesaria a desinfección do material de labranza xa que é compartido por diferentes usuarios e precísan establecer un control sanitario para evitar riscos.
Os usuarios indicaban a PontevedraViva que a empresa encargada do control destas hortas urbanas debería estar a traballar xa neses protocolos e manifestan o malestar existente ante o abandono no que se atopan estes recintos, ao non ser coidados durante este estado de alarma.
Os residentes na zona denuncian tamén que durante estas semanas veciños con cans utilizaron toda esta contorna para o paseo das súas mascotas. Ante a situación, reclaman unha intervención inmediata por parte do Concello e a autorización para a recollida das verduras ecolóxicas que cultivaron porque sinalan que, se se cumpren as medidas de seguridade, o perigo que correrán estes usuarios será o mesmo que acudindo ao supermercado para facer a compra.