Usuarios de Cruz Vermella percorren a pé o Camiño Portugués entre Pontevedra e San Amaro

Pontevedra
15 de maio 2021

Unha trintena de persoas estrearon as andainas organizadas por Cruz Vermella ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia. Fixérono percorrendo a pé o treito do Camiño Portugués entre Pontevedra e San Amaro (Barro)

Participantes na andaina organizada por Cruz Vermella no programa O Teu Xacobeo
Participantes na andaina organizada por Cruz Vermella no programa O Teu Xacobeo / Xunta de Galicia

Unha trintena de persoas estrearon as andainas organizadas por Cruz Vermella ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia. Fixérono percorrendo a pé o treito do Camiño Portugués entre Pontevedra e San Amaro (Barro).

Os participantes saíron da Praza da Peregrina e, tras percorrer dez quilómetros a través da ponte do Burgo, a Rúa da Santiña e a contorna de Alba, chegaron ata San Amaro.

Esta primeira andaina, que coincide co Día Internacional das Familias e que estivo orientada a este colectivo, é a actividade de estrea deste proxecto de Cruz Vermella.

Os seguintes eventos da entidade serán outras tres camiñadas o 20 de xuño no Día Mundial do Refuxiado, o 26 de xullo con motivo do Día Mundial dos Avós e o 12 de agosto coincidindo co Día Internacional da Xuventude.

Ademais, xa no mes de setembro, haberá un concurso de relatos e debuxos e unha xuntanza en Santiago de Compostela se a situación sanitaria permite facela con seguridade.

Na saída desta andaina participou, entre outros, o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, que destacou os obxectivos deste programa para a difusión do patrimonio cultural e das zonas rurais, o fomento do lecer saudable e a promoción da equidade e a integración.