Uxío Benítez cifra en 5,3 millóns o investimento realizado para recuperar espazo público na provincia

Pontevedra
16 de febreiro 2023

A Deputación de Pontevedra aumentará con outros 550.000 euros o crédito da terceira convocatoria para financiar a totalidade dos 93 proxectos solicitantes de axudas Ágora. O 77% dos concellos da provincia participaron neste programa en dous anos de actividade

Obra apoiada por axudas Ágora en Vilagarcía de Arousa
Obra apoiada por axudas Ágora en Vilagarcía de Arousa / Deputación de Pontevedra - Arquivo

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez mostrábase satisfeito este mércores ao facer balance das axudas Ágora, asegurando que a recuperación do espazo público atópase na axenda política local da provincia.

Estas subvencións provinciais destínanse aos concellos para que acometan actuacións de transformación urbana recuperando espazos para as persoas fronte aos vehículos.

Segundo explicaba, na terceira e última convocatoria solicitáronse axudas para a redacción de 93 proxectos en 37 municipios. Esta cifra esgota o orzamento para estes proxectos Ágora, que se elevaba a 900.000 euros. Por este motivo, a Deputación de Pontevedra ampliará a partida noutros 550.000 euros co obxectivo de atender a todas as peticións presentadas.

Desta forma, Benítez cualifica de "éxito" a convocatoria e entende que Ágora permitiu que a recuperación do espazo público resulte máis fácil para a administración local. 

Ao analizar os datos, o deputado explicou que, a través destas axudas nas tres convocatorias, nos últimos dous anos impulsáronse 207 actuacións en 47 concellos da provincia. Desta forma, esta iniciativa chegou ao 77% dos concellos da provincia, sen ter en conta a Pontevedra e Vigo, que ao sumar máis de 50.000 habitantes, non son potenciais beneficiarias desta proposta.

O investimento total repartiuse en 2,35 millóns de euros na primeira convocatoria, con 38 actuacións; 1,96 millóns na segunda cubrindo 76 proxectos; e outros 900.213 euros na terceira, aos que se sumarán os 550.000 euros extra, anunciados este mércores.

Uxío Benítez indicou que se traballa xa nunha nova edición destas axudas. Os proxectos que resultaron beneficiados por Ágora supoñen un incremento mínimo do espazo peonil dun 50% respecto ao existente e ofrecer unha superficie mínima de 300 metros cadrados.

No Salnés executáronse 27 proxectos nos municipios de Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Meaño, Meis e O Grove. No Morrazo puxéronse en marcha 18 iniciativas nos concellos de Bueu, Moaña, Marín, Cangas e Vilaboa; mentres que na comarca de Caldas realizáronse 14, do mesmo xeito que na comarca de Pontevedra, repartidos entre Poio, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade.