UXT alerta de "propostas de peche e privatización de servizos" no centro de menores Avelino Montero

Pontevedra
06 de xullo 2017

No caso do servizo de cociñas, a xefatura territorial da Consellería de Política Social xa lles confirmou que a privatización se vai a levar a cabo pechando este servizo, unha decisión que rexeitan as traballadoras do centro de menores. Antes xa foran privatizados outros servizos que presta este centro

Centro de menores Avelino Montero
Centro de menores Avelino Montero /

O secretario intercomarcal de UXT en Pontevedra e Arousa, Ramón Vidal, denunciou as "propostas de peche e privatización de servizos" no centro de menores Avelino Montero de Pontevedra.

O Avelino Montero é un centro semiabierto para mozos condenados, fundamentalmente, por delitos contra a propiedade e malos tratos familiares. Ten unha capacidade de 25 menores dos que se ocupan varias quendas de catro ou cinco educadores. A maiores, as instalacións contan con persoal de seguridade, servizos xerais, cociña e limpeza, entre outros.

No caso do servizo de cociñas, a xefatura territorial da Consellería de Política Social xa lles confirmou que a privatización se vai a levar a cabo pechando este servizo, unha decisión que rexeitan as traballadoras do centro de menores. Antes xa foran privatizados outros servizos que presta este centro.

Ramón Vidal asegurou que a mera formulación desta privatización "indica un profundo descoñecemento das necesidades diarias deste centro" destacando a importancia que ten na intervención socioeducativa a dispoñibilidade dun servizo de cociña propio e a necesaria resposta que dá en situacións de excepcionalidade, onde os ingresos son impredicibles durante 24 horas ao día os 365 días do ano.

A estes argumentos suman a "mala experiencia" que tiveron os traballadores do Avelino Montero cun servizo de cáterin que foi contratado "por fortuna temporalmente" e que servía comida "de pouca calidade, escasa e que en ocasións chegaba tarde".

Segundo UXT, as "promotoras deste desmantelamento privatizador" son a xefa territorial da Consellería de Política Social e a xefa do servizo de Coordinación Administrativa que se basean en "criterios economicistas".

Tamén desde a Xunta de Galicia este sindicato percibiu unha "falta de sensibilidade" cos empregados públicos "os únicos que aseguran dereitos e dignidade fronte á incerteza da empresa privada".

O sindicato UXT conclúe que a proposta da Xunta terá "negativas repercusións" para menores e traballadores.

O próximo día 12 de xullo os traballadores do Avelino Montero concentraranse en protesta ante a porta principal do centro de menores.