Vaipolorío batallará con maquinaria agrícola contra a herba da pampa

Pontevedra
13 de xaneiro 2026
Actualizado: 9:34

A asociación ecoloxista convida a participar nunha xornada de erradicación desta especie invasora no Gafos este sábado 17 de xaneiro

Herba da pampa
Herba da pampa / Vaipolorío

A asociación ecoloxista Vaipolorío anuncia unha nova xornada de traballo para este sábado, 17 de xaneiro, centrada no control e erradicación da Cortaderia selloana, coñecida popularmente como herba da pampa.

A intervención terá lugar na canle do río Tomeza (Gafos) a partir das 10:00 horas.

Nesta ocasión, o colectivo optará principalmente polo arrincado dos exemplares mediante o uso de maquinaria agrícola, unha técnica que permite extraer a planta de raíz de xeito máis eficaz e con menor esforzo físico para os voluntarios.

A herba da pampa é unha das especies exóticas invasoras máis agresivas en Galicia.

A súa gran capacidade de dispersión mediante sementes e a súa resistencia fan que colonice rapidamente as ribeiras, desprazando á flora autóctona e alterando o ecosistema do río.

Esta actividade forma parte do compromiso histórico de Vaipolorío coa recuperación do Gafos.

Dada a loxística da xornada e a necesidade de coordinar os equipos de traballo, a organización solicita ás persoas interesadas en colaborar que se inscriban previamente chamando ao teléfono de contacto para participar: 676 842 942.