A herba da pampa é unha das especies invasoras que máis avanzou no ecosistema galego e, ao mesmo tempo, unha das máis difíciles de combater. Pero iso non impide que os concellos sigan combatendo a súa expansión.
É o caso do Grove, un dos municipios onde esta planta colonizou máis espazo. Alí, en colaboración con asociación Galicia Ambiental, levouse a cabo unha xornada para eliminar a herba da pampa, tamén coñecida como plumacho arxentino.
Alumnos do CEIP As Bizocas participaron nas actividades de formación e sensibilización organizadas polo Concello do Grove para entender o perigo das especies invasoras tanto para a saúde como para o medio ambiente.
As accións de extracción centráronse na estrada da Lanzada a San Vicente do Mar co obxectivo de eliminar progresivamente a dispersión no resto da península.
Nesta ocasión, extraéronse máis de 1.500 plantas nun espazo costeiro de preto de dous quilómetros lineais, uns 360.000 metros cadrados que inclúen a zona costeira próxima ás praias de Area da Cruz e Paxareiros.

Ademais, retirouse nas zonas urbanizadas anexas e nos viarios comprendidos entre a costa e a estrada A Lanzada-San Vicente, colonizada por miles de plantas.
Debido á gran cantidade de herba da pampa que había, a súa eliminación fíxose con medios mecánicos e posteriormente someterase a solarización.
Este método consiste en cubrir completamente os exemplares extraídos con tecidos de plástico sintético negro que se fixan ao terreo.
Esta cubrición artificial eleva a temperatura no substrato terrestre e durante os días de temperaturas medias e altas con maior insolación se poden chegar a 70 graos baixo os plásticos.
Desta forma, a calor deshidrata e destrúe os rizomas da planta e tamén as súas sementes. Todo para evitar que siga estendéndose pola península do Grove, como xa o fixo en localidades próximas ou limítrofes, onde non existen programas de control.
Tras esta acción liberarase unha zona de alto risco, para darlle continuidade no outono e no inverno dos próximos dous anos até a súa erradicación neste tramo da estrada.
Outro dos obxectivos principais é minimizar os riscos que supón a herba da pampa para a saúde, debido á intensificación da afectación de alerxias entre a poboación escolar e o turismo predominantes na zona de actuación.