Vaipolorío demanda o proxecto completo do colector do río Gafos, que xa inicia as obras

Pontevedra
13 de xullo 2026
Actualizado: 13:03

A asociación ecoloxista reclama ao Concello de Pontevedra o acceso á documentación técnica da obra na contorna da estación de autobuses. Este luns comezou a trasladarse a maquinaria

Colector do Gafos detrás da estación de autobuses

A asociación ecoloxista Vaipolorío presentou unha solicitude formal por vía telemática ante o Concello de Pontevedra para esixir a copia íntegra do proxecto técnico da obra de renovación do colector do río Gafos, prevista na contorna da estación de autobuses.

O presidente do colectivo, Gonzalo Sancho Blanco, sinalou que a administración local achegou unicamente tres planos da actuación correspondentes á planta xeral e aos números 2 e 5.

Segundo explica a organización, esta entrega parcial produciuse tras unha petición previa realizada por vía telefónica que non resultou completada.

Para fundamentar esta reclamación, a entidade ambiental amparase no Convenio de Aarhus. Este marco xurídico internacional garante o dereito dos cidadáns e das asociacións que os representan a acceder á información pública

Ademais, ese convenio garante o dereito a intervir nos procesos de toma de decisións en asuntos de índole ambiental e a obter reparacións legais no caso de que estes dereitos non sexan respectados.

Co rexistro deste documento, Vaipolorío agarda que o goberno local do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores responda á demanda e facilite a totalidade dos informes e especificacións técnicas dos traballos proxectados no río.

Integrantes de Vaipolorío instalan carteis informativos no sendeiro do GafosVaipolorío

Vaipolorío é o colectivo que, de maneira altruísta, se encarga de limpar o río Gafos e de manter a súa contorna ao longo de todo o ano.

Durante esta fin de semana, persoas voluntarias da asociación instalaban carteis informativos en diferentes puntos para que paseantes no sendeiro do Gafos denuncien en caso de que detecten algún tipo de agresión ambiental no río.

INICIO DA OBRA

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, indicó que este mesmo luns, se está a trasladar toda a maquinaria para empezar ao longo do día ou mañá, martes, as obras de retirada do coletor de residuais do leito do río Gafos.

Estas obras de emerxencia contan cun orzamento de 751.000 euros e serán realizadas pola empresa Veolia.

"Queremos que estean rematadas antes de que veñan as choivas fortes e vai atender un tramo que quedaba pendente de executar para sacar o colector do río de 360 metros, desde detrás da estación de autobuses ata a conexión xa feita, pasada a ponte da Avenida da Estación", indicou Fernández Lores.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora