Vaipolorío intensifica a loita contra a herba da Pampa na contorna do río Gafos

Pontevedra
21 de xuño 2026

Nesta ocasión, os voluntarios centraron os traballos na retirada directa de exemplares mediante o uso de maquinaria agrícola

Retirada de hierba de la Pampa Vaipolorío

A asociación ecoloxista Vaipolorío desenvolveu este sábado unha nova xornada de traballo destinada ao control e eliminación da Cortaderia selloana, unha especie invasora coñecida popularmente como herba da pampa, na contorna do río Tomeza (Gafos).

A actuación enmárcase dentro do programa de recuperación ambiental que o colectivo mantén desde hai anos sobre esta canle fluvial, co obxectivo de protexer a súa biodiversidade e favorecer a conservación da vexetación autóctona.

Nesta ocasión, os voluntarios centraron os traballos na retirada directa de exemplares mediante o uso de maquinaria agrícola.

Esta técnica permite extraer as plantas desde a raíz, aumentando a eficacia da intervención e reducindo o esforzo físico necesario para as persoas participantes.

A herba da Pampa está considerada unha das especies exóticas invasoras con maior impacto en Galicia. A súa rápida expansión débese, principalmente, á súa elevada capacidade de reprodución mediante sementes e á súa resistencia ante diferentes condicións ambientais.

Como consecuencia, pode ocupar con rapidez espazos naturais, especialmente zonas húmidas e marxes de ríos, desprazando a especies propias do ecosistema.

Desde Vaipolorío advirten da importancia de manter actuacións periódicas para evitar que esta planta volva a colonizar as ribeiras do Gafos e comprometa o equilibrio natural da contorna.

A eliminación destes exemplares forma parte dunha estratexia continuada de conservación que combina a intervención directa sobre o terreo coa sensibilización ambiental.

A recuperación do río Gafos foi unha das súas principais liñas de traballo deste colectivo durante anos, promovendo iniciativas destinadas a mellorar o estado da canle, protexer os seus valores naturais e fomentar a implicación cidadá no coidado do patrimonio ambiental.