Vaipolorío pecha o verán de limpeza do Gafos con 300 quilos de residuos retirados na ponte do Couto

Pontevedra
31 de agosto 2025

O colectivo ecoloxista con 21 persoas voluntarias acometeu a última xornada da campaña, despois de celebrar a Noite Europea dos Morcegos

Participantes na limpeza da Ponte do Couto organizada por Vaipolorío
Participantes na limpeza da Ponte do Couto organizada por Vaipolorío / Vaipolorío

O colectivo ecoloxista pontevedrés Vaipolorío pechou este domingo 31 de agosto a súa campaña XXV de limpeza do río Gafos, coñecido tamén como Cocho, Toxal ou Tomeza.

Na sexta e última xornada, celebrada na contorna da histórica ponte do Couto, participaron 21 voluntarios que retiraron 300 quilos de residuos.

A ponte do Couto, de orixe medieval e prosapia romana, foi o punto central desta actividade. Segundo o especialista en patrimonio galego, Calros Solla, participante na xornada, esta estrutura é "unha ousadía imperturbábel" que demostra a sabedoría dos canteiros que a construíron.

Durante a xornada, os voluntarios traballaron na limpeza da contorna da ponte, contribuíndo á conservación dun dos elementos patrimoniais máis significativos do río Gafos.

Lixo recollido por Vaipolorío na Ponte do Couto no río Gafos
Lixo recollido por Vaipolorío na Ponte do Couto no río GafosVaipolorío

Ademais da limpeza, Vaipolorío celebrou durante a noite do sábado 30 a Noite Europea dos Morcegos na contorna do río.

A actividade, impartida por Zeltia López da Asociación Morcegos de Galicia e promovida polo programa Ponteverán-Xuventude do Concello de Pontevedra, permitiu identificar tres especies de morcegos na zona: Pipistrellus pipistrellus (Morcego anano), Myotis daubentonii (Morcego das ribeiras) e Eptesicus serotinus (Morcego das hortas).

Zeltia López, da Asociación Morcegos de Galicia
Zeltia López, da Asociación Morcegos de GaliciaVaipolorío

Vaipolorío segue facendo un chamamento á cidadanía e especialmente á xuventude para que se implique na defensa e posta en valor do río Gafos e do seu ecosistema. O colectivo combina cada ano a acción directa de limpeza coa divulgación e concienciación ambiental.

Noite Europea dos Morcegos con Vaipolorío
Noite Europea dos Morcegos con VaipoloríoVaipolorío